Porque moitas veces a inocencia é sabia.
Porque cando somos nenos facemos caso omiso ao qué dirán e é así cómo deberiamos facer sempre. Debemos forxar a nosa propia personalidade e decidir nós mesmos qué é o que realmente nos gusta e qué é o que non.
Porque cando un neno ou unha nena se pon por primeira vez uns patíns o resultado é o mesmo: un sorriso.
Deixemos xa de dividir modalidades deportivas por xénero.
¿Quen se cre con dereito a decidir que un deporte é para nenos e outro para nenas?
Estou de acordo en que debemos ter en conta as diferenzas biolóxicas segundo qué cousas pero iso non implica que o deporte como tal poida ser valorado e practicado de igual forma por un neno ou por unha nena, sen distinción de xénero.
É alarmante que hoxe en día haxa tanta xente que siga pensando que a patinaxe artística “é un deporte de nenas” cando non é así.
Preocúpame que haxa algúns pais e nais que pensan isto e queiran, desta forma, transmitirllo aos seus fillos e fillas. Ás veces fano por descoñecemento, outras porque prefiren que os seus fillos practiquen o deporte que eles non puideron practicar de pequenos… e outras, por evitar o qué dirán. É triste ver tamén coma algúns nenos son obxecto de comentarios desagradables por parte de amigos e compañeiros por practicar este deporte.
É entón cando cada un de nós debe facer unha reflexión ao respecto. Se os nosos fillos non poden practicar o deporte que lles apaixona polo temor ao qué dirán, é que temos un problema. Un problema do que todos e todas temos parte de culpa.
Quizais no momento non sexamos conscientes da repercusión que pode ter non permitirlle practicar un deporte que lles gusta, e nunca saberemos cáles serían os seus límites ou cáles as súas superacións.
Debemos entender que o deporte non implica soamente competir e conseguir unha medalla xa que iso é o resultado de todo un proceso. Un proceso que implica traballar valores coma o esforzo, a responsabilidade, o respecto, a organización, a autoestima… a IGUALDADE.
Porque, aínda que falemos dunha modalidade individual, en parella ou en grupo, o traballo é de todos; de cada unha das persoas que nos rodea e da cal podemos aprender. E así, traballando e mellorando poderemos alcanzar os obxectivos marcados.
Porque o noso obxectivo tamén é difundir que o deporte non entende de xénero, que a patinaxe artística é para todos e todas.
Porque no Club Deportivo Ourela querémosvos a TODOS e TODAS.
Nuria Rives Busto
Debe estar conectado para enviar un comentario.