Agradecemento ao Concello de Celanova

Dende o Club Deportivo Ourela queremos agradecer ao Concello de Celanova o trato recibido durante os dous cursos anteriores.

Os anos 2014 e 2015 tivemos o pracer de traballar nas Escolas Deportivas deste Concello levando as clases de patinaxe artística. Tivemos ademáis a posibilidade de organizar varios Trofeos e Exhibicións no Pavillón Municipal contando sempre co apoio e o labor profesional dos traballadores do Concello.

Esta tempada tivemos que renunciar a seguir levando nós a actividade de patinaxe debido a que non dispoñemos de horas libres para poder trasladarnos e ocuparnos con calidade das clases alí. Gustaríanos aclarar que dende o Concello sempre apoiaron esta actividade e nos apoiaron a nós en todas as propostas deportivas realizadas, e que nos consta que se preocuparon e preocupan por manter a actividade e manter o servizo para os rapaces e rapazas de Celanova.

Queremos agradecer especialmente o trato a aquelas persoas coas que nos tocou traballar máis directamente e que sempre se preocuparon porque todo saise o mellor posible. Moitas grazas a Ángel, Generosa, Lourdes e todas as persoas que colaboraron na cafetería do pavillón, na megafonía ou nas xestións relativas ás nosas actividades.

Esperamos de verdade que nos volvamos a encontrar no camiño e que sigades desfrutando do deporte tanto como ata agora. Que teñades un feliz curso, tranquilo e cheo de momentos que vos den toda a satisfacción que merecedes.

Grazas e ata pronto.

Celanova

Advertisements